Aga calcula que no 2016 morreron arredor dun 35% das colmeas en Galicia

Aga calcula que no 2016 morreron arredor dun 35% das colmeas en Galicia

Vespa Velutina atacando a unha colmea

A Asociación Galega de Apicultura (Aga) estima que ao longo de 2016 os apicultores galegos perderon entre o 30 e o 40% das colmeas, situando como unha das principais causas a Vespa Velutina. Sen embargo, segundo o secretario técnico da asociación, Xesús Asorey, “coñecemos zonas nas que a morte de colmeas chegou ao 50%”.

Non obstante, o secretario de Aga recoñece que “a mortandade non se debe só a velutina, pois aí hai que incluír un 10% de baixas normal, as baixas pola varroa, as baixas polos pesticidas, o cambio climático etc”. “Os problemas das abellas actualmente son os problemas do medio ambiente”, subliña.

Como medidas clave para reducir o impacto da avespa asiática nos apiarios, Asorey recomenda realizar trampeo na primavera para capturar raíñas fundadoras e durante o verán e o outono utilizar algún dos métodos coñecidos hoxe para protección das colmeas, como redes ou sistemas eléctricos.

“O impacto da Velutina foi bastante desigual en Galicia dependendo de se se fixo trampeo en primavera”

En canto á afectación da Vespa Velutina por comarcas, o secretario da Asociación Galega de Apicultura asegura que “este ano a situación foi bastante desigual por toda a Galicia Costeira”. “Quizás nas zonas da Mariña Lucense, Costa da Morte, Barbanza, e O Morrazo houbo algo menos, mentres que nas Rias Baixas, na área da Coruña e na comarca de Ferrol houbo bastante máis”. “Penso que nas zonas onde o ano pasado se trampeou máis na primavera houbo menos, pero no resto houbo máis ataques de Vespa Velutina ás colmeas”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información