Advirten dos límites que se impoñen no borrador de Decreto de Artesanía Alimentaria

A Consellería do Medio Rural está a avanzar no decreto polo que se regula a artesanía alimentaria, unha norma agardada polo sector. Velaquí o borrador e as alegacións que presentou Unións Agrarias

Advirten dos límites que se impoñen no borrador de Decreto de Artesanía Alimentaria

Mercado artesanal

O decreto polo que se regula a artesanía alimentaria é unha norma agardada en Galicia. Primeiro foi o Goberno Bipartito quen o intentou presentando un borrador no ano 2008, e o pasado ano a Consellería de Medio Rural volveu presentar outro borrador que prevé que se aprobe neste 2018.

O decreto permitirá que os alimentos artesáns e caseiros galegos dispoñan dun recoñecemento legal e dunha trazabilidade que lle ofreza garantías ao consumidor, ao igual que xa ocorre noutros países da Unión Europea e noutras Comunidades Autónomas.

E é que na situación actual todos os produtores galegos cunha tipoloxía artesanal atópanse en inferioridade de condicións. Un exemplo é que en moitas feiras que se organizan por todo o Estado Español, nas súas bases é requisito ou puntúa a posesión da Carta de Artesano, algo do que carecen os produtores galegos.

Ademais, faise necesario regular estas producións non só pola Seguridade Alimentaria (trazabilidade e normas hixiénico-sanitarias), e tamén porque se dará valor engadido a moitos tipos de produtos que non só son producións artesanais e que non teñen a posibilidade de estar acollidas a ningunha indicación xeográfica protexida ou denominación de orixe.

Alegacións de Unións Agrarias

Sen embargo, dende o sindicato Unións Agrarias, que xunto ao Sindicato Labrego Galego, participa na Comisión Permanente do Consello Agrario Galego, onde se debateu este decreto, presentou unha serie de alegacións ao mesmo.

Así, a organización agraria considera “excesivo” cualificar como empresa artesá a unha cunha facturación de 2 millóns de euros, tal e como se establece no borrador de decreto.

Ademais, critica que para a obtención da Carta de Artesán “a formación esixida é excesiva, xa que se pide un mínimo de tres anos de experiencia ou 250 horas de formación, cando estamos a falar de que moitas producións son de orixe tradicional”. “Por non dicir -engaden-, que para un emprendedor faise difícil obter esa formación, que ademais na maioría dos casos, exceptuando dos derivados lácteos, non habería centros onde obtela”.

 Unións: “É excesivo cualificar como empresa artesá a unha cunha facturación de 2 millóns de euros”

Outra preocupación de Unións é o requisito para ter a catalogación de Explotación Prioritaria nos produtos “artesanais caseiros”. “A propia produción artesanal implica producións pequenas, e en moitos casos son complementos ao resto das rendas procedentes da agricultura e gandería, e hai explotacións agrarias e gandeiras que non chega ao mínimo de rendas esixidas para ser “Explotación Prioritaria”, polo que entendemos que a profesionalización xa vén dada na esixencia dun mínimo dunha UTA”, aseguran.

Por último, Unións Agrarias defende que “na elaboración da Norma Técnica que se aplique a cada produto ou grupo de produtos, ademais de pedirlle á Consellería que non se demore no tempo, debería ser ser elaborada directamente e en contacto co sector, coas pequenas industrias que xa están elaborando os seus produtos de forma artesanal”.

Descarga aquí o borrador do decreto polo que se regula a artesanía alimentaria de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información