Aceites Abril inaugura a primeira planta de refinación de aceite en Galicia

Ocupa unha superficie de 20.000 metros cadrados no polígono de San Cibrao (Ourense) e permitirá refinar 280.000 litros diarios de aceite de xirasol e oliva. O obxectivo da firma é duplicar as vendas en cinco anos.

Aceites Abril inaugura a primeira planta de refinación de aceite en Galicia

Aceites Abril inaugurou onte a súa Planta de Refinación de Aceites, a primeira instalación deste tipo que se pon en marcha en Galicia. A familia Pérez Canal, propietaria da empresa, acompañou todos os asistentes e a visita institucional encabezada polo presidente da Xuntade Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Ata a data Aceites Abril tiña que adquirir aceite refinado para os seus aceites de oliva virxe extra e agora esta nova planta permítelles “eliminar o exceso de acidez, de cor e residuos do aceite”. “Temos o reto de aproveitar esta oportunidade para expandirnos”, indicou o coxerente da empresa, José Manuel Suárez Canal. Non en van, “a finais de ano completaremos a ampliación do almacén e da liña de produción”, o que redundará en maiores posibilidades de distribución e vendas para Aceites Abril, unha firma con preto de 100 traballadores e que está presente en máis de 30 países.

Modernas instalacións

A primeira Planta de Refinación de Aceites de Galicia está situada nunha parcela de 20.000 metros cadrados no polígono industrial de San Cibrao dás Viñas (Ourense). Unhas instalacións que contan cunha capacidade de refinado de máis de 280.000 litros de aceite de xirasol e de oliva.

Esta nova planta suporá un salto de calidade para Aceites Abril xa que ata agora se dedicaba en exclusiva a envasar e comercializar aceites xa refinados, e só realizaba un proceso de filtrado co virxe extra. A partir de agora, Aceites Abril será capaz de refinar o aceite de xirasol e de oliva, decidindo así a acidez, sabor e olor do produto final. Isto supoñerá un salto de calidade para esta empresa ourensana, así como unha considerable redución de custos de fabricación.

Obxectivo: duplicar as vendas en 5 anos

De feito, esta planta de refinado de aceite forma parte do proceso de ampliación de equipos e instalacións que está a afrontar nos últimos anos Aceites Abril. As instalacións inauguradas hoxe están situadas nunha parcela contigua ao actual inmoble de Aceites Abril e que constan de refinaría, zona de carga e descarga e zona de almacenaxe, cun total de 16 depósitos con capacidade para almacenar ata oito millóns de litros de aceite.

Estes 16 novos depósitos súmanse aos tanques de almacenamento existentes en Vilagarcía de Arousa, con capacidade para máis de catro millóns de litros, e que permitirán que Aceites Abril incremente de forma moi significativa as súas posibilidades de exportación. De feito, o conselleiro delegado da compañía adianta que “o noso obxectivo é conseguir duplicar as nosas vendas nun prazo de cinco anos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información