Aceites Abril estrea o seu centro loxístico no porto de Vilagarcía

A empresa ourensá recibiu hoxe ao barco “Sound of Sea” que transporta 4.000 toneladas de aceite de xirasol, procedente de Ucraína. Trasladarase ás instalacións da empresa no Polígono Industrial San Cibrao para sometelo ao proceso de refinación e envasado.

Aceites Abril estrea o seu centro loxístico no porto de Vilagarcía

Descarga en Vilagarcía do primeiro barco con aceite de xirasol para Aceites Abril

Aceites Abril puxo en marcha o seu novo centro loxístico con base no porto de Vilagarcía de Arousa, onde onte pola noite atracou o barco “Sound of Sea”, que trasladaba un total de 4.000 toneladas de aceite de xirasol procedente de Ucraína.

Unha vez no centro loxístico, “o aceite de xirasol será trasladado en camións cisterna desde Vilagarcía ás instalacións de Ourense, onde se procederá ao proceso de refinación para, posteriormente, ou ben proceder ao seu envasado ou ben á súa comercialización a granel”, indican desde a empresa radicada no polígono de San Cibrao, Ourense.

O centro loxístico de Aceites Abril no porto de Vilagarcía ten unha capacidade de almacenaxe de 4.500 toneladas de aceite, en diferentes depósitos.

As instalacións sobre as que se asenta o novo centro loxístico foron adquiridas hai 6 anos por Aceites Abril. A súa posta en marcha debeu esperar á finalización da recentemente inaugurada refinería de aceites de San Cibrao, en Ourense. Durante este tempo acometéronse melloras como a substitución dalgúns antigos depósitos por novos, e o acondicionamento doutros.

Aceites Abril ten previsto recibir un barco unha vez por mes, de similar volume, ao seu centro loxístico situado no porto vilagarcián.

Incremento das exportacións

Así mesmo, estas novas instalacións permitirán á firma ourensá continuar coa ampliación de mercado exterior. Non en balde, no últimos cinco anos, Aceites Abril incrementou as súas exportacións nun 10%, pasando do 20 ao 30 por cento. Entre os puntos onde os produtos da empresa aceiteira contan con maior presenza cabe destacar Europa, ademais de países como Estados Unidos, Xapón, China, Oriente Medio, Rusia, ademais doutros en Sudamérica ou África.

Desde Aceites Abril móstranse moi satisfeitos pola posta en marcha definitiva destas novas instalacións, que lles permitirán seguir ampliando o seu mercado. Non se descarta, nun futuro, que esta base no porto de Vilagarcía sirva tamén para o traslado dos produtos da firma a outros puntos do mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información