Aceites Abril aumenta un 20% a colleita de olivas para o seu Aceite 100% galego

A empresa ourensá prevé finalizar o 2016 cun aumento do 16% en facturación ata superar os 160 millóns de euros. As súas exportacións xa representan o 22% da súa produción.

Aceites Abril aumenta un 20% a colleita de olivas para o seu Aceite 100% galego

Colleita de olivas galegas para Aceites Abril

Aceites Abril ofreceu este martes unha xornada para presentar a nova colleita do seu Aceite 100% Galego. Este produto viu incrementada a súa produción no último ano, rexistrándose un aumento do 20% na cantidade de olivas recollidas para a súa elaboración. A falta dunha semana para finalizar a colleita, recolléronse ao redor de 5.600 quilos de olivas.

Así o indicou o novo responsable do Departamento de Agro, Rubén Gutiérrez García-Tembleque, que se encargou de dirixir a xornada de presentación da nova colleita do Aceite 100% Galego. En primeiro lugar, os asistentes realizaron un percorrido por unha finca de oliveiras localizada no municipio de Pereiro de Aguiar, onde se mostrou o proceso de vareo. A continuación, ofreceuse unha visita á almazara, onde se mostrou o procesado das olivas.

Durante as visitas, Rubén Gutiérrez indicou que o incremento rexistrado na produción do Aceite 100% Galego débese “a que as oliveiras plantadas nos últimos anos van aumentando a súa produción, a medida que van medrando en tamaño”.

150 hectáreas de oliveiras nas catro provincias galegas

Cabe lembrar que o proxecto de recuperación do oliveiral galego promovido por Aceites Abril conta con máis de 150 hectáreas de oliveiras nas catro provincias galegas. Máis concretamente, na de Ourense, as plantacións de árbores atópanse nas comarcas de Baixo Limia, Carballiño, Limia, Ribeiro, Terra de Celanova e de Trives, Valdeorras e Verín, mentres que no caso de Pontevedra están nas comarcas de Baixo Miño, Caldas, Condado, Deza, Morrazo, Paradanta, Pontevedra, Salnés, Tabeirós-Terra de Montes e Vigo. Xa no caso de Lugo, a área redúcese ás zonas de Chantada e Terra de Lemos. Finalmente, na Coruña, os oliveirais localízanse principalmente na comarca de Arzúa.

Por agora, o Aceite 100% Galego só se comercializa a través da web de Aceites Abril e na propia fábrica, xa que se trata dunha produción limitada. Este ano será de ao redor de 3.500 botellas. Con todo, desde a empresa ourensá non se descarta a súa introdución paulatina nalgúns espazos gourmet ou en tendas especializadas. Prevese, así mesmo, vender a totalidade da produción deste ano.

Aceites Abril aumenta a súa facturación

No que a datos xerais se refire, Rubén Gutiérrez indicou que Aceites Abril é optimista co resultado das súas contas para este exercicio, esperando superar os 137 millóns de euros facturados en 2015. En palabras do responsable de Agro da empresa espéranse superar os 160 millóns de euros este ano, o que supoñería un incremento do 16 % con respecto ao exercicio anterior. Deste xeito, durante este ano xa se contabilizaron 100 millóns de litros vendidos dos distintos produtos que a empresa ourensá ten no mercado.

Aceites Abril exporta o 22% da súa produción

Uns datos que ratifican a boa saúde de Aceites Abril que, sobre todo no mercado español, rexistrou un notable incremento das súas vendas. Estas débense principalmente aos recentes acordos asinados con importantes empresas da distribución alimentaria española. Estes permiten unha maior implantación dos produtos da firma radicada no polígono de San Cibrao das Viñas en grandes superficies e supermercados de todo o territorio español.

No que respecta ás exportacións, estas supoñen un 22% da produción. Os principais destinos nos produtos de Aceites Abril teñen presenza son Europa, ademais de países como Estados Unidos, Xapón, China, Oriente Medio, Rusia, e outros en Sudamérica ou África.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información