A Xunta apoia a creación dunha Indicación Xeográfica Protexida para o Pan Galego

Belén do Campo amosoulles o respaldo do Goberno galego á iniciativa da Federación Galega de Panaderías. A solicitude será publicada en breve no BOE e no DOGA

Publicidade
A Xunta apoia a creación dunha Indicación Xeográfica Protexida para o Pan Galego

Belén do Campo con representantes da Federación Galega de Panadeiros

A Xunta apoia as xestións promovidas pola Federación Galega de Panaderías para a creación dunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP) para o pan galego. A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse a pasada tarde con representantes deste colectivo e amosoulles o respaldo do Goberno galego a esta iniciativa, que redundará nunha maior protección, posta en valor e promoción deste produto de calidade.

A Federación presentou xa a preceptiva solicitude de inscrición no rexistro europeo desta IXP e agora continuará o proceso de creación coa publicación da documentación no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado, abríndose dende entón un prazo de dous meses para a presentación de alegacións.

Características do pan galego

Segundo recolle o prego de condicións da IXP, o pan galego é aquel que ten codia dura e crocante, miolo esponxoso e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte procede de trigos cultivados na comunidade autónoma de Galicia pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos (os comunmente denominados “Trigo país” ou “Trigo galego”).

A súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e unha elevada cantidade de auga así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con base de pedra ou outros materiais refractarios.

O pan amparado pola IXP presentará unha serie de características, entre as que se atopan a forma (variable en función do formato de que se trate), existindo catro tipos de pezas, cun formato tradicional específico. O “bolo” ou “fogaza”, a “rosca”, a “bola” ou “torta” e a “barra”, cada unha coa súa forma e pesos específicos, indicados no devandito prego, que tamén establece as condicións que teñen que cumprir a codia e a faragulla, así como o sabor e o aroma.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información