A Xunta anuncia un incremento dun 16% nas axudas para a apicultura

A conselleira do Medio Rural destacou este luns na súa visita a unha explotación en Quiroga (Lugo), que na próxima convocatoria incluirase como novidade a posibilidade de apoiar investimentos relacionados coa loita contra a vespa velutina. No ano 2017 destinaranse ao fomento da apicultura un total de 520.000 euros

A Xunta anuncia un incremento dun 16% nas axudas para a apicultura

Ángeles Vázquez durante a súa visita a Cauru Sociedade Cooperativa Galega

A Xunta achegará o vindeiro ano un total de 520.000 euros en axudas para o fomento da apicultura. Isto suporía un incremento dun 16,6% con respecto a esta convocatoria de 2016, que foi de 445.896 euros, cun total de 13 beneficiarios, entre eles as principais asociacións do sector.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, fixo este anuncio durante a súa visita este luns á explotación apícola Cauru Sociedade Cooperativa Galega, situada no concello lugués de Quiroga.

A conselleira salientou ademais que na próxima convocatoria incluirase, como novidade, a posibilidade de apoiar investimentos relacionados coa loita contra a Vespa Velutina. Esta finalidade engadirase ás liñas de actuación que xa se veñen financiando, como son a asistencia técnica aos apicultores, a loita contra a varroase e a racionalización da transhumancia. Os beneficiarios destas axudas son titulares de explotacións apícolas, cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores.

Ángeles Vázquez sinalou tamén que “o apícola é un sector de futuro en Galicia”, como se demostra pola evolución do número de colmeas no último ano, que pasou de 113.844 no 2015 a 140.794 en 2016, o que representa un incremento superior ao 23%.

Cooperativa Cauru

A empresa apícola visitada hoxe pola conselleira comezou a súa actividade no ano 2004, dedicándose dende entón á elaboración e comercialización de mel ecolóxica, de pole e á extracción de cera. Produciu no exercicio 2015 máis de 44.000 quilos de mel e 580 de cera. Os principais destinos dos seus produtos son a propia Galicia, Cataluña e Levante.

Todos os apicultores teñen as súas colmeas situadas en terras do municipio de Quiroga e do Caurel, polo tanto o mel elaborado na cooperativa ten procedencia exclusivamente galega. Dende 2014 esta empresa recibiu axudas de Medio Rural por importe de algo máis de 25.000 euros, destinados a mellorar os seus procesos de produción e comercialización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información