A queixería ‘Don Crisanto’, de Vilalba, premiada por sexta vez polo mellor queixo madurado de vaca en España

O premio ‘Alimentos de España al mejor queso 2015’, outorgado polo Ministerio de Agricultura, recoñece unha peza de San Simón da empresa vilalbesa

A queixería ‘Don Crisanto’, de Vilalba, premiada por sexta vez polo mellor queixo madurado de vaca en España

Queixo San Simón da queixería Don Crisanto. / Imaxe: Don Crisanto.

A queixería ‘Don Crisanto’, de Vilalba, fíxose por sexta vez cun galardón do premio ‘Alimentos de España al mejor queso’, convocado cada dous anos polo Ministerio de Agricultura. Igual que en edicións anteriores, a firma vilalbesa concurriu ó certame cun dos seus queixos da denominación de orixe San Simón, co que volveu impoñerse na categoría de queixo madurado de vaca.

Os queixos de San Simón caracterízanse por unha maduración mínima de entre 30 e 45 días, en función do tamaño da peza, e por estar afumados en madeira de bidueiro, un proceso que lles aporta un toque de sabor característico.

Desde a queixería Don Crisanto, unha empresa familiar que naceu nos anos noventa, acolleron con satisfacción a chegada do premio, que xa é máis noticia cando falla que cando toca. Desde o 2003 impuxéronse en todas as edicións bianuais do certame salvo na do 2009. “Cada vez a competencia é maior, hai máis queixerías e máis produtos que se presentan ó concurso, así que o premio sempre é un recoñecemento importante; é como un certificado da nosa calidade”, contan desde a queixería vilalbesa, ubicada na parroquia de Lanzós.

Galardóns
O premio outorgado polo Ministerio de Agricultura súmase a unha longa lista de galardóns que acumula a empresa tanto a nivel estatal e autonómico (en certames de Galicia e de Castilla y León) como internacional, con xa dous recoñecementos nos World Cheese Awards.

Don Crisanto, que se nutre para a súa produción do leite da propia explotación e tamén de leite mercado a primeiros compradores, produce queixo San Simón nos tamaños estándar, con pezas de entre 950 e 1,2 quilos, e bufón, con queixos de entre 500 e 600 gramos. A maiores, traballa o queixo do país, o queixo da denominación de orixe Tetilla, o requeixo e un queixo semicurado de codia escura.

A relación completa de galardoados no premio ‘Alimentos de España al mejor queso 2015’ é a seguinte:

– Queixo madurado de vaca: Queixo Don Crisanto, Queixería Don Crisanto S.A.T., de Vilalba (Lugo)

– Queixo madurado de ovella: Queixo Otatza, Quesería Joseba Insausti, de Ordizia (Guipúzcoa)

– Queixo madurado de cabra: Queixo El Acehucheño, Quesería El Acehucheño, S.L., de Acehuche (Cáceres)

– Queixo madurado de mestura: Queixo La Abadesa, Queserías Entrepinares S.A.U., de Valladolid.

– Queixo madurado con mofos ou queixo azul: Queixo Los Mazos, Quesería Angel Díaz Herrero, de Tielves-Cabrales (Asturias).

– Premio Alimentos de España ó mellor queixo ano 2015: Queixo Otatza, Quesería Joseba Insausti, de Ordizia (Guipúzcoa).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información