“Á industria farmacéutica non lle interesa investir en apicultura”

Entrevista a Francisco José Orantes, director de Laboratorios Apinevada, un dos referentes en España en tratamento das enfermidades e parasitos das abellas. Destaca a importancia dun bo manexo da colmea. No caso da varroa, subliña que “non basta con aplicar o tratamento, senón que hai que usar os produtos correctamente, na dose e no tempo adecuados”.

“Á industria farmacéutica non lle interesa investir en apicultura”

Francisco José Orantes.

Francisco José Orantes é un dos máximos expertos españois en sanidade apícola. Dirixe Laboratorios Apinevada e o pasado 6 de xuño presentou en Galicia Amicel Varroa, un novo tratamento veterinario para combater a varroa, un parasito procedente de Asia que está a afectar ás colmeas galegas. Francisco J. Orantes presentou o seu produto en Arzúa no marco do III Foro Apícola de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Apicultura (AGA). 

En que consiste Amicel? Que melloras aporta na loita contra a varroa?
Trátase dun principio activo moi seguro e eficaz. Con poucas ou nulas resistencias ata a data. É unha nova presentación farmacéutica que mellora a dispoñibilidade do principio activo para as abellas e, xa que logo, mellora a efectividade.

Fálase de exceso de uso de fármacos en apicultura…Consideras que realmente é así?
Non creo que esa sentenza se axuste á realidade. Se damos unha ollada ás estatísticas de Veterindustria apenas se usan 0.7 tratamentos/colmea cando deberiamos estar nos 1.5 / 2 tratamentos/colmea.

Unha das liñas de investigación das que se fala é a de poboacións de abellas melloradas xenéticamente para resistir á varroa. Que pensas desta liña de traballo?
Xa hai traballos excelentes nese campo. O problema é que manter liñas seleccionadas é moi complicado. Necesítase un sector implicado, centros e Administracións implicadas a moi longo prazo. A selección xenética é un matrimonio sen divorcio.

 “Hai que usar os produtos contra a varroa na dose adecuada e no tempo adecuado”

Algúns apicultores consideran que a varroase é un problema que a industria farmacéutica está interesada en cronificar con tratamentos farmacolóxicos e non en ir á raíz do problema. Que opinas a respecto diso?
Tampouco creo que se axuste á realidade esa opinión. O problema é que o sector é moi pequeno, con pouca capacidade de investir. E xa que logo, para a industria farmacéutica non lle é rendible investir en autorizar novas moléculas. Os custos dos expedientes para sacar ao mercado unha molécula nova son moi altos.

Que recomendacións de manexo aconsellas aos apicultores para previr e facer fronte á varroa?
Non basta con aplicar o tratamento. Hai que usar os produtos correctamente, na dose adecuada e no tempo adecuado. É necesario maiores controis por parte do gandeiro sobre como e cando curar. Así como controis pos-tratamento para verificar que está a funcionar o tratamento, xa que son moitos os factores que poden facer que en determinadas circunstancias uns produtos non funcionen (clima, fortaleza da colonia, etc..).

Que aconsellas na aplicación de fármacos contra a varroa para evitar problemas de residuos?
Usalos adecuadamente, nas doses recomendadas e por suposto en ausencia de mielada.

“Na desaparición das abellas inflúen múltiples factores”

Como investigador en apicultura non podo evitar preguntarche pola desaparición das abellas. A que crees que se debe?
É un problema complexo, multifactorial, onde a Varroa destructor, a acumulación de acaricidas na cera, a contaminación ambiental e a nutrición das colmeas xogan un papel moi importante. Pero os apicultores tamén temos que mirarnos e pensar que unha parte do problema podémolo mellorar nós mesmos (manexo na loita contra Varroa, manexo nutricional, ratio traballador/explotación, etc).

Que valoración che merece a situación da apicultura en Galicia e a calidade do seu mel?
É moi distinto ao da nosa zona. Cun sector moi organizado e moi dinámico. realizaron durante moitos anos un excelente traballo para cohesionar ao sector e levan anos facendo un traballo excelente para dar a coñecer os saborosos meles galegos.

A etiquetaxe do mel non axuda moito a distinguir o producido en España do que non o é….Que pensas desta polémica?
A entrada de mel de importación é indispensable nun mercado deficitario. E o certo é que malia esta entrada, os prezos do mel nacional alcanzaron teitos inimaxinables para o sector. Evidentemente, unha etiquetaxe clara para todos sería o mellor. Pero debe ser unha medida que se adopte desde a UE. Se se adopta só en España pode supoñer a perda de competitividade das empresas españolas fronte a outras empresas da UE que comercializan en España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información