“A distribución é consciente da gravidade do problema dos gandeiros e estamos dispostos a axudar”

Falamos con Ignacio García Magarzo, director xeral de ASEDAS (Asociación Española de Distribuidores, Autoservicios y Supermercados), sobre os problemas do sector lácteo e sobre o papel que lle corresponde na súa solución ás cadeas de supermercados

“A distribución é consciente da gravidade do problema dos gandeiros e estamos dispostos a axudar”

Ignacio García Magarzo, director xeral de ASEDAS.

Na reunión do conxunto do sector lácteo celebrada esta semana en Madrid, o Ministerio de Agricultura solicitou unha serie de compromisos a medio prazo por parte de industrias e cadeas de distribución que contribúan a mellorar o prezo en orixe do leite. Á distribución pedíuselle, principalmente, que valorice o leite no supermercado, evitando ofertas a baixos prezos, e que chegue a acordos estables coa industria que permitan manter unha remuneración axeitada no campo.

Falamos con Ignacio García Magarzo, director xeral de ASEDAS (Asociación Española de Distribuidores, Autoservicios e Supermercados), para coñecer a súa opinión sobre os problemas do sector lácteo e sobre o papel que lle corresponde na súa solución ás cadeas de supermercados. ASEDAS agrupa a maior parte de supermercados de proximidade de España e conta entre os seus asociados con grupos como Mercadona, Dia, Covirán ou as firmas galegas Froiz e Gadis.

– Na reunión desta semana, Agricultura pediulles unha serie de compromisos. Que pensan da proposta?

– Como valoración xeral, puxéronse sobre a mesa unha ducia de medidas que teñen como obxectivo de fondo asegurar o éxito da contratación láctea entre gandeiros e industrias. A proposta trata de afondar nesa liña e nós estamos dispostos a apoiala. Estamos convencidos de que a solución ao problema do leite ten que pasar pola estabilidade, a previsibilidade e a seriedade na relación entre as partes.

“As medidas que se estudian son a medio prazo, pero hai unha situación urxente no campo. Estamos ante un problema de tempo”

Agora ben, as medidas que se puxeron enriba da mesa implícannos ao conxunto de axentes en solucións a medio prazo, pero hai unha situación urxente de miles de gandeiros que están a cobrar baixos prezos polo seu leite, sobre todo en comunidades como Galicia ou Cantabria, que necesita accións inmediatas. Estamos ante un problema de tempo.

– Cre posible unha solución ao problema urxente dos gandeiros?

– Por nós non quedará. Somos plenamente conscientes da gravidade do problema e estamos dispostos a axudar. Tomámolo moi en serio. Se é suficiente ou non, dependerá de como actuemos de rápido. Das 12 medidas que puxo sobre a mesa o Ministerio, a nós atínxennos 3. Por nós non quedará.

“Son posibles contratos a un ano entre distribución e industria. Queda por resolver a variación do prezo durante o contrato”

– O sector considera que un dos desaxustes da cadea láctea son as escasas marxes de beneficio que lle deixa a distribución ás industrias. Cre que en España é posible un compromiso de prezos mínimos de compra da distribución aos seus subministradores, como o anunciado por cadeas de Gran Bretaña?
– É moi distinta a situación en España e en Gran Bretaña. En Gran Bretaña, a maioría do leite que se comercializa é leite fresco do día. Son as cadeas de distribución as que lla compran de forma directa a cooperativas. En España comercialízase leite de longa vida (UHT) e hai un sector industrial que lle compra o leite ao gandeiro e llo vende á distribución. As medidas que se adoptaron en España no pasado en torno á contratación láctea tratan de asegurar que as industrias lle compran o leite aos gandeiros cun prazo de estabilidade suficiente e que lle remuneran a un prezo que cobre os seus custos. A distribución compra ese produto sometido a esa relación de máis estabilidade.

– Entón, a que tipo de compromisos están dispostos a chegar coa industria?
– Á distribución pídesenos que cambiemos o sistema de compra. A idea é que se se cambian os prazos nos contratos aos gandeiros, iso debe afectar aos prazos e contratos entre industria e distribución. Estamos dispostos a velo, a traballar niso e a que a relación distribución – industria sexa coherente coa relación gandeiro – industria, pero tamén é certo que pola normativa de Competencia, non pode haber un acordo único e pechado. Cada empresa terá liberdade para decidir que tipo de contratos considera máis convenientes.

“A distribución trata de conseguir os mellores prezos, obviamente, pero é a industria a que oferta o leite a prezos baixos”

– Cre que son posibles contratos a un ano entre industria e distribución, tal e como pide a parte industrial?
– Son posibles. Hai unha tendencia na distribución a asegurarse as subministracións con contratos a medio prazo. O problema é a fixación do prezo, ver se durante a duración do contrato hai modificacións de prezos. É un tema técnico a traballar coa industria. O mercado do leite caracterízase pola súa volatilidade e hai que estudar como se reflicte iso no contrato. A forma de facelo para que os produtores non teñan problemas é o que hai que traballar coa industria.

Que sucede? Que ata agora o mercado do leite se caracterizou polos seus dentes de serra e iso non é bo para a distribución. A distribución non gaña coa oscilación de prezos. É un negocio baseado na rotación do produto, non nas marxes comerciais. Non nos beneficiamos de que baixe o prezo do leite. O ideal é un prezo estable.

“Hai que poñer o foco sobre a relación gandeiro – industria, garantir que haxa un trato xusto coherente coas normas”

– A industria quéixase de que en España ten dificultades para trasladar as subas do prezo en orixe á distribución. Se en Alemaña, Holanda ou Dinamarca sobe o prezo do leite en orixe un 20%, no supermercado sobe un 7%. Se esa suba do 20% ao gandeiro se dá en España, na distribución sobe entre un 0,7 e un 1%, segundo datos das industrias.
– Non é de todo certo. Houbo momentos, como a finais do 2007, en que as subas en orixe tiveron un traslado ao público. A cuestión de fondo é un problema de estrutura de comercialización. Mentres non haxa unha estabilidade entre gandeiro e industria, iso provoca volatilidade. Doutro lado, a realidade é que hai leite que oferta a industria á distribución a prezos moi baixos.

– O leite ofértallo a industria á distribución a prezos baixos ou a distribución impón as súas condicións na negociación de prezos, como fai ver a parte transformadora?
– Obviamente, a distribución trata de conseguir os mellores prezos de compra, pero que unha industria diga ‘presento ofertas de baixos prezos, pero non debería facelo’ é difícil de explicar. Ninguén a obriga a presentar esas ofertas. Tamén nós poderiamos dicir que a industria nos usa de escusa para baixarlle o prezo do leite ao gandeiro.

“Agora mesmo non hai ningunha situación anormal de prezos na distribución que perxudique ó gandeiro”

– Dicía antes que a distribución non gaña cos prezos baixos do leite, pero o certo é que periodicamente realiza ofertas a baixos prezos, a 50 céntimos ou menos, usando o leite como produto reclamo. Cre posible corrixir estas prácticas?
– Agora mesmo, insisto, agora mesmo non hai ningunha situación anormal de prezos na distribución que faga pensar que o prezo de venda no lineal contribúe a perxudicar a situación dos gandeiros. Polos prezos medios que manexamos, non hai ese problema. Agora ben, os prezos baixos no lineal correspóndense normalmente con prezos baixos ofrecidos pola industria á distribución. Se eses prezos de oferta se conseguiron cun trato xusto o gandeiro, non debería haber problema. Se non, é que non se cumpren as normas. Non hai que poñer o foco sobre as ofertas no supermercado senón sobre a relación que hai detrás, que non existan relacións gandeiro – industria non coherentes coas normas. Por outro lado, se nalgún momento algunha cadea de distribución vendese a perdas, que é unha práctica prohibida, denúnciaselle e sanciónaselle.

Nota: ASEDAS foi a única asociación da distribución que quixo polo momento valorar a situación do sector lácteo. ANGED, asociación da gran distribución que agrupa, entre outros grupos, a Alcampo, Carrefour, Eroski e El Corte Inglés, declinou dar a súa opinión sobre os compromisos solicitados polo Goberno; e non foi posible polo momento obter unha resposta de ACES (Lidl, Carrefour Expres, Supercor, etc.).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información