A crise reduce o gasto en alimentación dos fogares galegos

Unha análise do Foro Económico de Galicia advirte dunha tendencia á baixa no consumo de carne, leite e derivados lácteos no periodo 2007-2014, en tanto as hortalizas e froitas presentan mellores índices

A crise reduce o gasto en alimentación dos fogares galegos

O gasto en alimentación vai moi ligado á situación macroeconómica do país, segundo o informe.

O periodo 2007-2014 provocou unha caída do consumo en alimentación dos fogares españois e, en particular, tamén dos galegos. En Galicia, a caída do consumo foi do 1,4 por cento desde o inicio da crise, se ben, cun comportamento desigual por anos e gama de produtos. Leite e produtos lácteos medraron no bienio 2008-2009 por riba do 5% no consumo, pero desde entón acumulan sucesivas baixadas anuais, unha liña descendente que tamén segue a carne, en tanto hortalizas e sobre todo as froitas, capearon mellor o temporal.

O consumo de leite e derivados lácteos subiu no 2008 e 2009 un 5%, pero desde entón baixa

A caída do consumo en alimentación nos fogares marchou en camiño case paralelo ó descenso do Produto Interior Bruto (PIB). Como dato significativo, Galicia, a pesar da baixada do consumo, similar á española, segue a encabezar o ranking de comunidades con maior gasto en alimentación (17,2 % do consumo do fogar adicado a este gasto) fronte ó 14,9% da media estatal. Tamén é Galicia das que menos gasta en alimentación fóra da casa (7,5 %).

A reducción das compras centrouse na comunidade nos conxelados (-2,2 %) e en moita menor medida nos alimentos frescos (-0,3 %), se ben o apartado de ‘Outros alimentos’ tamén caiu un 1,8%.

Por grupos de produtos, no periodo 2007-2014, en Galicia só a froita experimentou unha suba na cantidade consumida (+ 0,7%), en tanto a carne baixa un 2,1 % (fronte a un +0,3% de media en España), as hortalizas e patacas caen un 0,2%, o pan un 3,9% e o leite e derivados lácteos un 0,4 % (En España a baixada do leite é tamén dun 0,4 %).

Como nota positiva, os autores do informe sinalan que os últimos dous anos analizados, 2013 e 2014, presentan un mellor comportamento e unha certa recuperación do consumo, en sintonía cunha mellora do PIB.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información