A conselleira comprométese a que o decreto de alimentos artesáns entrará en vigor no 2017

A conselleira comprométese a que o decreto de alimentos artesáns entrará en vigor no 2017

A conselleira visitando a Confitería Cerviño, no Carballiño

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou este martes a importancia de promover a produción alimentaria artesanal como xeito de poñer en valor os produtos de calidade do agro galego. Neste contexto, lembrou que a Xunta está a traballar na creación dun distintivo de calidade para os alimentos artesanais de Galicia a través dun decreto específico, actualmente en exposición pública e que se prevé que entre en vigor ao longo do vindeiro ano.

A conselleira explicou que con esta norma preténdese recoñecer e fomentar os valores económicos, culturais e sociais que a artesanía alimentaria representa para Galicia e preservar e conservar as pequenas empresas familiares que elaboran produtos alimenticios. Precisamente unha destas empresas –Confitería Cerviño, sita no concello ourensán do Carballiño– foi visitada este martes pola titular de Medio Rural, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

A conselleira sinalou que coa regulación da artesanía alimentaria búscase poñer en valor os produtos alimentarios comercializados por pequenas empresas, moitas veces ligadas a unha explotación agraria, elaborados coa intervención directa do seu titular, o artesán alimentario.

Comercializaranse co distintivo de “Artesanía Alimentaria”

Estes produtos comercializaranse co distintivo da “Artesanía alimentaria”. Dentro deles, os que proveñan de zonas de montaña poderán levar ademais a mención “Produto de montaña” e os que estean elaborados utilizando materias primas da propia explotación agraria á que estean ligados poderán utilizar tamén a mención “Produto artesán da casa” ou “Produto artesán caseiro”.

Galicia é unha das poucas comunidades nas que non está regulados legalmente os produtos alimentarios artesáns

Galicia é unha das poucas Comunidades nas que non están regulados legalmente os produtos alimentarios artesáns. No ano 2008 o entón conselleiro Alfredo Suárez Canal anunciou un borrador de Decreto de Artesanía Alimentaria de Galicia que finalmente non chegou a ser aprobado.

O pasado mes de xuño, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo xustificou no Parlamento a demora destes anos en regular os alimentos artesanais na necesidade de agardar a que a Comisión Europea e o Parlamento Europeo aprobasen cambios lexislativos relativos á etiquetaxe e aos réximes de calidade dos produtos alimentarios.

Descarga aquí o borrador do Decreto polo que se regula a Artesanía Alimentaria de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información