A colleita de mel en Galicia baixa un 30% e os prezos mantéñense en arredor de 4 euros

As choivas e o tempo frío da primavera e as elevadas temperaturas do verán están detrás deste descenso na produción de mel. Os prezos prevese que se manteñan entre os 3,80 e os 4 euros o quilo

A colleita de mel en Galicia baixa un 30% e os prezos mantéñense en arredor de 4 euros

A produción de mel en Galicia reducirase esta campaña en arredor do 30% con respecto á de 2015, segundo as previsións de diferentes asociacións do sector apícola. A climatoloxía adversa en primavera e a forte calor do verán sitúanse como as principais causas da caía da produción, un descenso da oferta que non se prevé que provoque unha suba dos prezos, situándose estes entre os 3,80 e os 4 euros, similares aos do pasado ano.

Así, Xesús Asorey, secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura (AGA), asegura que “a produción de mel en Galicia pode ser entre un 30 e un 40% máis baixa que a do ano pasado”. Atribúe as causas deste baixada a “unh primavera mala e a un verán tremendamente seco, sobre todo na provincia de Ourense, a máis produtora”. A isto engade que “na Galicia costeira sumóuselle o problema da Vespa Velutina, que provocou que en dous meses, xullo e agosto, as abellas case non saíran a traballar”, aínda que con importantes diferenzas, xa que nas comarcas onde se realizou máis trampeo de raíñas en primavera, como A Mariña, O Morrazo ou Ortegal “houbo ata un 60% menos de Vespa Velutina que o pasado ano”.

“O contrapunto atópase en comarcas como O Courel ou Os Ancares, nas que este foi un ano de boa colleita de mel”, asegura Xesús Asorey.

En canto aos prezos, o secretario de AGA asegura que “o descenso da produción non creo que se note moito nos prezos, pois o mercado alemán está presionando á baixa, e iso vai afectar a todos”. Erica Mel, a cooperativa creada por socios de AGA, ten previsto comercializar este ano uns 80.000 quilos, fronte aos 110.000 do ano pasado, cun prezo para os apicultores socios de 4 euros o quilo.

A IXP Mel de Galicia confía en manter a produción comercializada baixo o seu selo

Pola súa parte, Esther Ordóñez, presidenta da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, salienta que a colleita está a ser mellor que as previsións iniciais.

“Pensabamos que se ía reducir a produción entre un 40 e un 50% pero finalmente houbo moitas diferencias por zonas. Así, nunhas baixou ata un 40% pero noutras a caída da produción foi dun 20% e nalgunhas mesmo se mantivo con respecto ao ano pasado”, asegura.

“A silva no interior e o castiñeiro na costa axudaron a salvar a campaña”

“As causas -engade- hai que buscalas nunha primavera húmida e fría que fixo que na costa as abellas non puideran aproveitar o néctar da excelente floración que tivo o eucalipto e a que o verán tan seco e caloroso queimou no interior boa parte da flor de castiñeiro. Isto viuse compensado en parte porque na costa as abellas si puideron aproveitar a floración do castiñeiro no verán e no interior, pola contra, a silva axudou a salvar a campaña, cunha floración continua e alongada”. Deste xeito, Esther Ordóñez destaca que “este ano invírtese un pouco a tendencia e os meles da costa son un pouco más escuros e os de interior un pouco máis claros”.

En canto ao mel amparado pola IXP Mel de Galicia, a súa presidenta prevé que “esta campaña se manteña a mesma cantidade que o que comercializamos a ano pasado: arredor de 300.000 quilos”. E sobre os prezos, calcula que se manterán entre os 3,80 e os 4 euros o quilo.

Por outra parte, Mel de Galicia segue á espera de que a Xunta de Galicia aprobe definitivamente os contratos homologados entre apicultores e empresas envasadoras para o mel amparado pola IXP. “Contabamos que xa se puderan asinar este ano, pero dúbidas da Consellería sobre se se poden acordar prezos entre apicultores e envasadores, fai que teñamos que agardar ata a vindeira campaña para que entren en vigor”, asegura Esther Ordóñez. A IXP Mel de Galicia ampara a día de hoxe a uns 300 apicultores que posúen unhas 42.500 colmeas.

Benigno Basteiro: “As perspectivas de prezos son boas”

Para Benigno Basteiro, apicultor do Viana do Bolo e un dos maiores de Galicia tanto en número de colmeas como en produción, as perspectivas para os prezos son boas porque hai escaseza de meles escuros, como o de Ourense, no mercado”. “De momento non vendín, pero agora os prezos do mel a granel andan sobre os 3,80 euros, mentres a campaña anterior, nos meses de febreiro e marzo chegouse a pagar a 3,20 e mesmo houbo apicultores que non o puideron vender”, asegura. “A diferencia do ano pasado, este xa hai compradores que están interesados”, salienta este apicultor.

En canto á produción Benigno Basteiro asegura que no seu caso “puido baixar un 40%”, pero asegura que “non é un dato significativo porque este ano, vendo que a primavera viña mala e non estaba entrando mel, decidín facer núcleos para vender enxames e tamén orienteime máis á venda de pole”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información