6 exemplos de fraude nos produtos alimentarios galegos que permite a administración

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e representantes dos consellos reguladores de distintas DOP e IXP poñen en marcha un grupo de traballo para valorizar estes produtos e loitar contra a fraude. “Corremos o risco de perder a boa imaxe que teñen os alimentos galegos”, advirten

6 exemplos de fraude nos produtos alimentarios galegos que permite a administración

Reunión entre a Unión de Consumidores de Galicia e representantes de Consellos Reguladores

Loitar contra a fraude dos produtos que se venden como galegos ou como caseiros e que non o son, incumprindo os controis e as garantías en materia sanitaria, así como as súas obrigas fiscais, resultará clave para non perder nos próximos anos a boa imaxe que teñen os alimentos galegos.

Así de contundentes se manifestaron os representantes de distintas Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas reuníronse este martes pola mañá en Santiago, convocados pola Unión de Consumidores de Galicia, para crear o primeiro grupo de traballo co obxectivo de desenvolver liñas de actuación conxuntas nos próximos meses. Unha maior implicación das administracións, especialmente dos concellos e da Consellería de Sanidade, para facer cumprir a lei, loita contra a fraude na etiquetaxe, garantir o dereito dos consumidores á información ou posta en valor dos produtos alimentarios galegos con selo de calidade foron algunhas das liñas que se plantearon.

A esta primeira xuntanza celebrada esta mañá no Consello Económico e Social (CES) de Santiago de Compostela asistiron o secretario do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, Alfonso Alcaide; a secretaria do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, María de Diego Roldán; a secretaria do Consello Regulador da DOP Queixo Tetilla, Mari Sé Mosteiro Zapata; o secretario Xerente do Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa, Óscar Pérez Ramil; o presidente do Consello Regulador da DOP Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara; o presidente e a secretaria do Consello Regulador da IX Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, José Antonio Feijoo Mateo e Carmen Otero; o vicepresidente do Consello Regulador da DOP Pemento de Herbón, Jose Manuel Ferro Lago; o presidente da IXP Faba de Lourenzá, José Cuadrado Oural; o Presidente de AFAPAN (Asociación de Fabricantes de Pan da Provincia de Lugo), César Fieiras; representantes da APROINPPA (Asociación Provincial de Panadería e Pastelaría da Provincia de Pontevedra), José García e Pablo Cendón; e o vicepresidente de Fegapan (Federación Galega de Asociacións de Fabricantes de Pan), Marcial Grela.

O grupo de traballo, que volverá reunirse a finais de febreiro, estará aberto a todas aqueloutras entidades que propoñan as xa integrantes e tamén a aquelas que soliciten a súa participación.

Os exemplos das irregularidades cos produtos galegos de calidade

1) O pan que se vende como galego no resto de España pero non o é

Os representantes dos panadeiros, que nas próximas semanas está previsto que conten por fin coa Denominación de Orixe Pan Galego unha vez que se publique no Boletín Oficial da Unión Europea, destacaron as enormes posibilidades que abre este distintivo de calidade para o pan elaborado en Galicia. “Non só será clave para loitar contra o plaxio do pan que se vende como galego no resto de España, senón tamén para impulsar e facer atractivo o cultivo do cereal en Galicia, creando riqueza e fixando poboación no noso rural”, destacou César Frieiras, da Asociación de Fabricantes de Pan da Provincia de Lugo.

Ademais, alertou da “utilización continua do pan como produto reclamo, cun prezo irrisorio, por parte da distribución”.

Na mesma liña incidiu Marcial Grela, quen puxo as súas esperanzas en que a DOP Pan Galego “sirva para loitar contra ese pan que se vende como galego pero que non o é, e está incluso elaborado en Valencia, así como para potenciar o cultivo do cereal na nosa terra, máxime cando xa temos dúas variedades de trigo autóctono certificadas”.

2) Os queixos ou o mel que se venden como caseiros sen ningún control sanitario

O prestixio dos queixos galegos con Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida vese ameazado en boa medida por todos aqueles que se venden en feiras e mercados, así como directamente á hostalaría, como produtos caseiros e artesanais, sen que o leite pase o control sanitario, co conseguinte risco para a saúde humana, e a menores prezos que os legais, ao non pagar impostos.

“É unha situación claramente ilegal, sobre todo nos mercados municipais, nos que os concellos deben intervir e denunciar estes casos porque é a súa competencia garantir que os alimentos que se venden na vía pública están etiquetados e son salubres. E senón delegar na Xunta. Pero desgraciadamente son contados os concellos que cumpren a lei”, explicou Mari Sé Mosteiro Zapata, secretaria do Consello Regulador da DOP Queixo Tetilla, unha situación que tamén sofren na DOP. Queixo Arzúa-Ulloa.

 “Temos un gran problema cos queixos que se venden nas feiras e mercados ambulantes, e os concellos miran para outro lado”

A fraude, segundo explicaron, esténdese tamén á restauración, que merca estes queixos caseiros e sen etiqueta. “A única vía efectiva é denunciar, foi o que fixemos en varios locais de hostalaría de Santiago, despois de enviarlles cartas advertíndolles de que as sancións poden ascender a ata 30.000 euros”, engadiu.

Dende o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, a súa secretaria, María de Diego Roldán, tamén contou que un dos grandes problemas aos que se enfrontan “é todo o mel que se venden sen etiqueta, aínda que co Decreto de Produción Primaria si que se avanzou bastante na etiquetaxe”.

Sen embargo, recoñece que “segue habendo moito mel foráneo que se vende como galego, e moito mel que pon a etiqueta de Mel de Galicia, cando non pode empregar ese nome se non está na IXP”.

3) O viño que se vende como “Ribeiro Turbio” prexudicando á Denominación de Orixe Ribeiro

Aínda que con variacións, os danos que provoca apropiación do nome de Galicia nos produtos alimentarios galegos avalados por un selo de calidade como son as IXP ou as DO, tamén se estende ao mundo dos viños.

Así, Juan Manuel Casares Gándara, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, relatou o caso dos viños que se venden empregando o nome Ribeiro ou como Ribeiro Turbio, sen etiqueta do Consello Regulador, e prexudicando a imaxe dos viños desta DO.

Ante esta situación, explicou que “este ano, e por primeira vez na historia do Consello Regulador, puxemos en marcha un protocolo para denunciar estas situacións fraudulentas, que se dan tanto en Galicia como no resto de España”. “E dos 6 casos que nos fixeron chegar dende hai unas semanas, 5 xa rectificaron despois de recibir unha carta dos nosos avogados”, explicou.

Neste sentido, o presidente da DO Ribeiro defendeu realizar unha labor de educación, especialmente entre os consumidores e os hostaleiros, sobre as garantías que aportan os precintos de calidade.

Ademais, Juan Manuel Casares fixo un chamamento á necesidade de “romper o círculo vicioso de que a administración non intervén porque non hai unha denuncia, e de inspeccionar únicamente a aqueles produtores ou industrias que están rexistradas”.

4) “Os hostaleiros mercan o pemento de Marrocos ou Murcia a granel e véndeno como de Padrón”

O vicepresidente do Consello Regulador da DOP Pemento de Herbón, Jose Manuel Ferro Lago, expuxo a situación de competencia desleal á que se enfrontan, “tanto debido aos propios veciños que producen pemento pero que non están dados de alta na IXP e que tiran cos prezos, vendendo o kilo a 2 euros ou menos fronte aos 3 que costa o da IXP, e a veces incluso sen estar dados de alta na seguridade social, como sobre todo á hostalaría, que emprega as poucas bolsas que che compran para enchelas co pemento de Marrocos ou de Murcia que compran a baixo prezo e venden como de Padrón”.

Igualmente, criticou a falta de colaboración dos concellos para facer cumprir a lei: “¿Como se entenden que o Concello de Padrón permita que nas Festas da Pascua, no mes de marzo, cando en Galicia, e menos no noso concello, non se produce pemento, case todas as pulperías e restaurantes ofrezan pemento de Padrón no seu menú?”, preguntouse.

5) “A IXP Faba de Lourenzá está nunha situación moi difícil pola competencia dos que venden por fóra”

José Cuadrado Oural, presidente da IXP Faba de Lourenzá explicou a difícil situación pola que atravesan debido a que os 39 produtores inscritos padecen a competencia desleal en prezos doutros 250 que tamén a producen e venden, moitos deles persoas xubiladas.

“Véndena a menos prezo, porque en moitos casos non pagan ningún tipo de imposto, e aprovéitanse da fama da Faba de Lourenzá. Isto está levando a que haxa produtores que se estean planteando saír da IXP porque así non teñen os controis e as auditorías de calidade que realizamos”, relatou. “E isto -advertiu- desanima claramente á xente que quere emprender na agricultura.

6) “Vender aguardente ou licor de garrafón á hostalería para que recheen as botellas só pasa en Galicia”

Por parte do Consello Regulador da IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, os seus presidente e secretario, José Antonio Feijoo Mateo e Carmen Otero, lembraron que a súa é unha das IXP máis afectadas pola competencia desleal, e en moitos casos ilegal -ao non pagar impostos e pasar controis sanitarios- dos chamados licores e augardentes caseiros.

“É unha práctica ilegal que fan destilerías galegas e que é seguida por hostaleiros galegos. De feito, Galicia é a única Comunidade onde estas empresas lle venden en garrafas á hostalaría, a prezos moi baixos, para que reenchan as botellas con este produto de malísima calidade e dubidosas garantías sanitarias para o consumidor”, advertiu José Antonio Feijóo Mateo.

Neste sentido, o presidente da IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia alertou de que “de seguir así imos deixar que acaben coa fama de Galicia como produtora de alimentos e bebidas de primeira calidade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información