Vespa Velutina: A Xunta distribuirá material de trampeo primaveral entre 3.048 apicultores

Vespa Velutina: A Xunta distribuirá material de trampeo primaveral entre 3.048 apicultores

Belén do Campo durante a súa visita a Mieles Anta

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, achegouse este venres á explotación apícola que ten Mieles Anta no concello lugués de Bóveda. Alí aproveitou para anunciar que a Consellería do Medio Rural xa comezou a distribuír aos apicultores galegos material para realizar o trampeo de primavera na loita fronte a vespa velutina.

A directora xeral explicou que a colocación de trampas para a captura de raíñas na primavera é un método importante na loita fronte a vespa velutina, xa que cada raíña capturada suporá un niño menos no entorno. Este plantexamento xa foi aplicado pola consellería nos anos 2015, 2016 e 2017 co reparto de trampas de captura e líquido atraente entre os apicultores e “dando bos resultados”.

“As experiencias na loita fronte este insecto invasor sinalan que a colocación de trampas durante a primavera (entre marzo e mediados de xuño) no entorno dos colmeares presenta unha alta eficacia na captura das raíñas”, destacan dende a Consellería. “Pero para iso, é preciso contar coa colaboración dos apicultores, que poderán recoller dito material na oficina agraria comarcal da súa zona”, sinalan.

Material que se vai distribuír

Este ano a Consellería de Medio Rural prevé distribuír material a un total de 3.048 apicultores, que contan con 4.562 asentamentos nas zonas afectadas e un total de 92.884 colmeas. O material consiste en 2.467 trampas, 5.404 botes de 500 ml de atraente e outras 40.782 monodoses de atraente, “co que se asegura o trampeo preto dos colmeares ata o mes de xuño”.

No caso dos asentamentos situados en concellos nos que xa se entregaron trampas no ano 2017, este ano unicamente se lles distribuirá aos apicultores líquido atraente, aínda que en maior cantidade que outros anos, para asegurar o trampeo durante todo o período no que as raíñas están fóra dos niños.

No caso dos asentamentos situados en concellos nos que non se repartiron trampas no ano 2017, no ano 2018 distribuiranse tanto trampas comerciais como líquido atraente.

O número de trampas vai seguir a distribución de tempadas anteriores baseado no ratios de trampeo establecidos no documento do MAPAMA ESTRATEGIA DE GESTIÓN, CONTROL Y POSIBLE ERRADICACIÓN DEL AVISPÓN ASIÁTICO O AVISPA NEGRA (Vespa velutina ssp. nigrithorax) EN ESPAÑA:

• 1 trampa en colmeares de ata 10 colmeas.
• 2 trampas en colmeares de ata 25 colmeas.
• 3 trampas en colmeares de ata 50 colmeas
. 4 trampas en colmeares de máis de 50 colmeas

Belén do Campo sinalou que é importante que as trampas só sexan colocadas nas zonas onde se detectaron niños de vespa velutina e que o número de trampas se axuste ao necesario. A directora xeral incidiu en que “isto se debe ter sempre en conta, xa que non existe ningún atraente que sexa totalmente específico para a vespa velutina”. “O uso en zonas nas que non se coñeza a presenza desta especie invasora ou a utilización dun número excesivo de trampas pode supoñer que se capturen indiscriminadamente outras especies de insectos, producindo efectos colaterais adversos sobre a entomofauna e poñéndose en risco a biodiversidade”, advertiu.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información