As organizacións do agro piden que non se asinen contratos lácteos sen negociar

Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Xóvenes Agricultores emprazan ás industrias a presentar propostas por escrito antes do 10 de febreiro. Pospoñen posibles mobilizacións e non apoian a folga de entregas convocada pola OPL

As organizacións do agro piden que non se asinen contratos lácteos sen negociar

Francisco Bello, Isabel Vilalba e Roberto García, hoxe en rolda de prensa.

Os anuncios de prezos do leite á baixa que as industrias lles veñen trasladando ás explotacións nos últimos días disgustan ás organizacións agrarias. Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Xóvenes Agricultores piden que non se asine ningún contrato de compra – venda de leite sen negociación previa nin con prezos á baixa. As tres organizacións, que veñen de ofrecer unha rolda de prensa conxunta en Santiago, emprazan ás industrias a negociar e a abandonar as “vellas prácticas” de imposicións unilaterais de prezos.

Os máximos responsables das tres organizacións entenden que as industrias están a incumprir o espírito dos contratos lácteos e ínstanas a negociar e a presentarlle propostas por escrito ás explotacións: “A máis tardar, entendemos que as industrias deben presentarlle unha proposta ós gandeiros o 10 de abril”, indicaron na rolda de prensa de hoxe Isabel Vilalba (Sindicato Labrego), Francisco Bello (Xóvenes Agricultores) e Roberto García (Unións Agrarias).

Fin dos contratos vixentes
Os contratos de compra venda de leite agora vixentes no agro expiran o 31 de marzo, pero as tres organizacións están de acordo en que se pode aprazar a sinatura de novos contratos unhas semanas máis, ata chegar a un punto de encontro coas industrias, unha cuestión que xa lle trasladaron ás Administracións. “Que o día 1 non haxa contratos non implica que non se siga recollendo o leite de xeito legal. Recomendamos que non se asine ningún contrato por ameazas de que lles van deixar de recoller”, indicou Roberto García.

As tres organizacións coinciden nas premisas que teñen que ter os novos contratos: acordos a un ano, con negociación de prezos e volumes de entrega. “Queremos contratos en base a negociacións e que cubran custos de produción”, resumiu a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

Posibles mobilizacións
As tres organizacións, que barallaron esta semana a convocatoria de mobilizacións, aprazan polo de agora as accións reivindicativas e desmárcanse tamén da folga de entregas convocada pola Organización de Productores de Leche (OPL) a partir do 30 de marzo. “Nada que dicir” -apuntou Roberto García- “É unha convocatoria unilateral e nós apostamos por chegar a convocatorias conxuntas con todas as organizacións do sector”, indicou a preguntas dos xornalistas.

O sector insta tamén á Consellería de Medio Rural a ter un papel activo nas negociacións: “A Administración debe mover ficha para artellar un diálogo no sector entre gandeiros e industrias e establecer unha folla de ruta común”, demandou a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

O mesmo argumento reiterou Francisco Bello, de Xóvenes Agricultores: “A Consellería pode facer un esforzo por xuntar ó sector e buscar puntos de encontro entre as partes” –sostivo Bello-. “Que teñamos que estar coa ‘estaca’ para tratar de que a industria se sente a negociar e entre nun ciclo de relacións normais cos gandeiros non é moi normal a estas alturas”, apuntou noutro intre da súa intervención.

Organizacións de produtores
As dúas organizacións de produtores con implantación en Galicia, Ulega –impulsada por Unións Agrarias- e Aprolact, de base cooperativa, están en conversas para unificar criterios de cara a posibles negociacións coas industrias, segundo indicou hoxe o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. Entre as dúas organizacións, suman máis de 3.500 gandeiros dos arredor de 10.000 que se manteñen na comunidade.

O resto das explotacións deberá chegar a acordos coas industrias ben a través das súas cooperativas, ben de xeito individual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información