Uns 9.500 equipos sulfatadores, obrigados a inspección en Galicia

Os equipos de aplicación de fitosanitarios deberán pasar antes do fin do 2016 unha revisión. Quedan excluidas dos controis as mochilas de man

Uns 9.500 equipos sulfatadores, obrigados a inspección en Galicia

Inspección en Cataluña a unha barra pulverizadora. / Imaxe: Iteaf.

Os equipos de aplicación de produtos fitosanitarios deben pasar unha inspección antes do fin de 2016, segundo determina a normativa de uso sostible dos plaguicidas que se está a aplicar en España. En Galicia son arredor de 9.500 máquinas, entre barras pulverizadoras, atomizadores e outras, as que deberán pasar a revisión, segundo os cálculos de Medio Rural. O obxectivo dos controis é a verificación do bo funcionamento dos aparellos, de xeito que se eviten perdas do produto ou unha deficiente aplicación.

Polo de agora, aínda non se determinou como se farán as inspeccións en Galicia. Dúas empresas amosaron xa o seu interese para actuar na comunidade como estacións técnicas de equipos de aplicación de fitosanitarios -segundo a Consellería de Medio Rural-, pero polo de agora non se inscribiron no rexistro correspondente. Tamén existe a posibilidade de que unha empresa pública ou a propia Administración preste ese servizo, unha cuestión sobre a que se está traballando.

De feito, a Xunta xa publicou no 2014 as tarifas de inspección para os casos nos que o servizo sexa prestado por unha unidade administrativa ou empresa pública:

– Inspección de máquinas cun depósito de menos de 600 litros: 40 euros.
– Inspección de máquinas de máis de 600 litros: 60 euros.
– Inspección de instalacións en invernadoiros: 72 euros.
– Inspección de carretillas pulverizadoras con capacidade superior ós 100 litros: 18 euros.
– Inspección de equipos instalados en aeronaves: 120 euros.

Quedan excluidas da obrigatoriedade de inspección as mochilas pulverizadoras.

A normativa de inspección dos equipos pulverizadores de fitosanitarios deriva dunha directiva europea de uso sostible de fitosanitarios que busca mellorar a eficacia das aplicacións e reducir as perdas de produto, cos conseguintes beneficios para o medioambiente, para a protección dos cultivos e para a seguridade laboral dos traballadores.

Nas inspeccións verificaranse cuestións como o caudal das boquillas, a regulación da presión ou o funcionamento do manómetro. Desde Europa estímase que a maioría das máquinas poderán pasar a inspección con leves modificacións e só arredor dun 1,5% deberán ser sustituidas. As revisións que xa se están facendo noutros puntos de España, como Cataluña ou Aragón, confirman que gran parte dos equipos superan a revisión sen a detección de fallos graves.

2 ideas sobre “Uns 9.500 equipos sulfatadores, obrigados a inspección en Galicia

  1. jose maria lopez santos

    Pareceme ben que os equipos esten en boas condicions, pero o da revision e un chupe mais do goberno, e o prezo unha estafa.as concesios seran coma semore pa empresa do amigo de turno.e se e publica pa colocar unhos amigos, No fondo o que menos lles importa e que esten ben ou mal os pulberizadores.O seu obxetibo e o de sempre .Unha maneira mais de chupar.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información