As parideiras de xatos na primavera lastran o mercado invernal

O 70 por cento dos nacementos en vacún de carne concéntrase no primeiro semestre do ano, o que provoca unha saturación da oferta no periodo invernal. O sector propón cambios de manexo desde hai anos, pero sen éxito

As parideiras de xatos na primavera lastran o mercado invernal

No verán, Galicia carece de oferta de xatos suficiente para abastecer ó mercado.

O vacún de carne en Galicia enfróntase desde hai anos a unha descompensación entre a oferta e a demanda. Cando a demanda é máis baixa, no periodo invernal, a oferta de animais é máis alta; mentres que cando o consumo é maior, no verán, a oferta de xatos en Galicia é menor. Esa descompensación provoca cada inverno unha certa saturación do mercado e unha baixada dos prezos en orixe, unha situación que se volve rexistrar esta campaña.

A concentración da maioría das parideiras na primavera, práctica habitual en Galicia, leva a que os becerros, sacrificados en torno ós 9 meses de vida, entren no mercado no periodo xaneiro-marzo, xusto cando o consumo é menor. Esta situación provoca dificultades de comercialización e unha baixada dos prezos. Os técnicos do sector traballan desde hai anos para promover un cambio no manexo das parideiras, de xeito que unha parte das mesmas se traslade ó outono, para que así os animais entren no mercado no verán, xusto cando se rexistra unha maior demanda e os prezos son máis altos.

A diferenza de cotización entre o inverno e o verán supera de xeito habitual os 30 céntimos por quilo canal, co cal unha explotación podería obter como mínimo uns 80 euros máis por animal nado no outono e sacrificado no verán. Os nacementos no verán teñen a maiores a vantaxe de que os xatos poden aproveitar os bos pastos da primavera seguinte.

En Galicia, sen embargo, arredor do 70% das parideiras concéntrase na primavera e o 30% restante no segundo semestre. Investigadores e técnicos do sector esfórzanse desde hai anos por promover un cambio no manexo das parideiras. “Os partos de outono permiten o acabado dos xatos na época do ano en que hai máis pastos e de máis calidade” -explicaba hai pouco un técnico de Mabegondo, Santiago Crecente, nunha xornada na Terra Cha con gandeiros de carne-. “Se os partos son na primavera, os animais teñen que consumir máis silos no outono-inverno”, comparaba.

En explotacións en extensivo, as condicións meteorolóxicas do inverno son un dos argumentos utilizado polos gandeiros para explicar a planificación primaveral da maioría dos nacementos; se ben, desde o ámbito técnico consideran que non existen motivos empíricos para esa preferencia.

“O cambio de manexo é posible e factible. Non hai cuestións técnicas que o impidan” (Luis Vázquez, Ternera Gallega)

“En Ternera Gallega levamos desde o 2003 informando ás explotacións sobre as vantaxes de variar a planificación da produción, con charlas e xornadas técnicas nas distintas comarcas gandeiras, pero resulta complicado introducir cambios. Hai casos de explotacións que si modificaron o manexo e vailles moi ben, pero non é o habitual”, recoñece Luis Vázquez, director de Promoción de Ternera Gallega.- “Sabemos todos que o cambio do manexo das parideiras é posible e factible. Non hai cuestións técnicas que expliquen por que non se cambia. Hai moitas causas que fan os gandeiros sigan con estos manexos, uns por costume e certa comodidade do sistema de produción, outros por un mal manexo da vaca nutriz no outono e inverno, que leva ó animal de xeito natural a recuperar un bo estado fisiolóxico aproveitando os pastos de primavera, pero desde un manexo mais profesionalizado, a optimización da forraxe e o aproveitamento da mellor coxuntura do mercado aconsellan claramente unha maior parideira de outono”, remata.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información