Celta deixará de recollerlle o leite ás 50 granxas da cooperativa Codegui

O Sindicato Labrego demanda a intervención urxente da Consellería do Medio Rural para buscar alternativas de comercialización. A organización pide tamén que o Ministerio sente ó sector para negociar solucións estruturais que eviten a repetición do problema

Celta deixará de recollerlle o leite ás 50 granxas da cooperativa Codegui

Os aumentos de producción están a ocasionar problemas de excedentes nas industrias.

Leche Celta comunicoulle á cooperativa Codegui, con sede en Guitiriz (Lugo), que lle cancelará a recollida de leite a partir do 1 de febreiro. A decisión da industria deixa ás 50 granxas socias de Codegui nunha situación complicada, xa que a cooperativa non dá atopado alternativas de comercialización. A única oferta que lles chegou é para vender toda a producción a prezos de leite en po, a 18 céntimos o litro, moi por baixo dos prezos medios de mercado (28,7 céntimos en Galicia). O Sindicato Labrego demanda a intervención urxente da Consellería do Medio Rural para atopar un comprador que pague prezos dignos.

As 50 explotacións socias de Codegui, a maioría de Guitiriz, pero tamén de concellos veciños como Vilalba, Aranga ou Xermade producen 26.000 litros diarios. Ata o de agora, toda esa producción era recollida por Leche Celta, pero a partir do 1 de febreiro a industria, propiedade do grupo luso Lactogal, cancelará a recollida.

A decisión de Leche Celta de reducir a recollida entre as cooperativas é unha repetición da medida que adoptara a pasada primavera, cando lle comunicara a varias cooperativas, entre elas Mopán, Tierra Llana e á propia Codegui, que ou ben lles cancelaba toda a recollida ou parte da mesma. Aquela situación, derivada dos excedentes de leite primaverais, tamén se reproducira despois en cooperativas que traballaban con outras industrias transformadoras, se ben finalmente a situación solventárase, tanto polo compromiso das industrias afectadas de manter parte da recollida que querían abandonar como pola aparición doutros compradores.

“Hai un problema de excedentes no mercado e un intento das industrias de minar ás cooperativas” (Xabier Gómez, SLG)

O coordinador de sectores gandeiros do Sindicato Labrego, Xabier Gómez Santiso, aprecia nestos movementos das industrias un intento de minar o papel das cooperativas como primeiro compradoras de leite. Santiso demanda a intervención urxente de Medio Rural e do propio presidente, Alberto Núñez Feijoo, quen se comprometera co sector nunha reunión no 2015 a que non quedaría un litro de leite sen recoller en Galicia.

Santiso considera ademais que debería haber un control sobre todo o leite que se está vendendo na comunidade a prezos de leite en po, pois non hai garantías de que esa producción, que se lle paga ó gandeiro a baixos prezos, non se comercialice despois polos canais habituais (leite líquido, queixos, etc.).

Crise láctea
O Sindicato Labrego entende que as dificultades ás que se enfronta Codegui veñen derivadas ademais dos aumentos de producción dos últimos meses, que están a xerar excedentes entre as industrias transformadoras. Para a organización agraria, é necesario un control dos volumes que se producen e pide que o Ministerio de Agricultura sente a todos os axentes do sector para negociar solucións realistas e efectivas, pois casos como o de Codegui, di en nota de prensa, ameazan con levar á ruína ás granxas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información