O prezo medio para pasar a ITEAF rolda os 100 euros por cada equipo fitosanitario

A maioría das estacións autorizadas pola Xunta están a presentar ofertas a cooperativas, sindicatos e concellos para agrupar a oferta e reducir custos. O prezo medio por inspección rolda os 100 euros. O prazo para realizar as inspeccións finaliza o 26 de novembro.

O prezo medio para pasar a ITEAF rolda os 100 euros por cada equipo fitosanitario

Estación ITEAF

A inspección técnica dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios, unha especie de ITV para verificar que están perfectamente calibrados e funcionan correctamente, xa está en vigor desde o pasado día 1.

En total son 6, a maioría de empresas de Castela e León, as Estacións de Inspección Técnica de Aplicación de Produtos Fitosanitarios (ITEAF), as autorizadas pola Xunta para realizar esta inspección en Galicia. Os equipos que a teñan que pasar poderán realizala ata o 26 de novembro e unha vez superada a inspección terá unha validez de 5 anos.

Con todo, as ITEAF consultadas por Campo Galego confirman que ata o momento non realizaron ningunha inspección en Galicia e están á espera de que os seus axentes comerciais cheguen a acordos con cooperativas, sindicatos ou concellos para agrupar aos agricultores e gandeiros e reducir os gastos da inspección dos equipos.

En todo caso, os prezos medios da inspección ofertados polas empresas consultadas roldan os 100 euros por equipo, moi por encima dos entre 40 e 60 euros que fixou a Xunta no caso de que o servizo fose prestado pola Administración, algo que non se chegou a aplicar, deixando a prestación deste servizo en mans da iniciativa privada.

Dekra: “Se os agricultores se agrupan, o noso obxectivo é baixar a tarifa o máximo posible”

Juan Lago é delegado en Galicia de Dekra, unha das ITEAF autorizadas pola Xunta de Galicia para prestar este servizo. Asegura que “a Xunta non tivo en conta os custos de amortización das estacións móbiles, que superan os 40.000 euros, nin a lóxica marxe comercial”, polo que os prezos son maiores.

“De momento estamos a presentar ofertas, sobre todo ás cooperativas, para que se agrupe a demanda e poder baixar o custo medio da inspección dun equipo de aplicación de fitosanitarios, que está nos 100 euros, a 70 ou 80 euros”, explica Juan Lago.

Manuel Vidal Galván: “Ofrecemos un servizo complementario”

Manuel Vidal Galván é director de Silman-ITEAF, unha empresa do Bierzo, que tamén está a prestar o seu servizo en Galicia. “Xa empezamos a realizar inspeccións no Bierzo pero tamén queremos traballar en Galicia, e de feito estamos a piques de asinar un convenio cunha importante cooperativa de Rías Baixas, en Cambados”, explica.

Do mesmo xeito que DEKAR, Silman-Iteaf busca baixar ao máximo as tarifas. No seu caso ofrece desde 63 euros para equipos con pistola a 90 euros para pulverizadores hidráulicos ou 83 euros para nebulizadores. Unhas tarifas, que para cooperativas ou asociacións de agricultores, contarán cunha rebaixa do 15%.

“Ademais, ofrecemos unha vez pasada a ITEAF, unhas probas de tratamentos con escáner horizontal para pulverizadores e vertical para nebulizadores”, destaca Manuel Vidal.

Rabco: “O importante é que as revisións non queden para as últimas semanas, porque subirían as tarifas”

Outra empresa de León que tamén foi autorizada para prestar o servizo de ITEAF en Galicia é Rabco. O seu responsable, Víctor Cordero, asegura que o principal problema ao que se enfrontan é que “non temos garantida unha continuidade do traballo porque os agricultores e gandeiros non están organizados para realizar as inspeccións e iso impide realizar unha planificación”.

“O ideal sería unha demanda contínua cuns prezos estables, pero temémonos que se espere a última hora para pasar as inspeccións e iso provocará prezos máis altos”, asegura

 “En Aragón levan 2 anos coas ITEAF e a tarifa media está en 100 euros”

Do mesmo xeito que as demais empresas, Rabco dispón de comerciais en Galicia que tentan organizar as inspeccións por concellos para agrupalas e evitar que os agricultores teñan que desprazarse.

En canto aos prezos, Víctor Cordero recoñece que “en Castela e León realizamos inspeccións por un prezo medio de 70 euros, máis que nada para que os nosos técnicos collan experiencia”. “Pero para que unha empresa seria cubra custos e sexa rendible -subliña- o prezo debería situarse nos 100 euros, que é onde están os prezos en Aragón”, comunidade na que as inspeccións dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios xa leva 2 anos en vigor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información