175 viticultores de Valdeorras multados con ata 2.001 euros por entregar máis uva da declarada

As sancións correspóndense á vendima de 2014 pero a cartas de sanción da Consellería de Medio Rural chegaron a finais de agosto. O Sindicato Labrego Galego considera desproporcionadas as sancións e asegura que van contra os pequenos viticultores.

Publicidade
175 viticultores de Valdeorras multados con ata 2.001 euros por entregar máis uva da declarada

Vendimando en Valdeorras

Un total de 175 viticultores da Denominación de Orixe Valdeorras enfróntanse a multas de ata 2.001 euros por entregar nas adegas máis uvas das declaradas na vendima de 2014. As cartas de sanción da Consellería de Medio Rural chegáronlles a finais de agosto e neste momento os viticultores están á espera de que a administración autonómica responda ás alegacións que presentaron en conxunto a través dos avogados das cooperativas vitivinícolas.

A situación afecta a 175 viticultores, sobre un total duns 1.500 viticultores da Denominación de Orixe Valdeorras. Os máis afectados son os membros das cooperativas do Barco de Valdeorras (que engloba tamén á de Larouco dende o ano pasado) e á da Rúa.

2001 euros de sanción por un exceso de 100 kilos

Tal e como se detalla na carta de sanción á que tivo acceso Campo Galego, a Consellería do Medio Rural e do Mar aplica sancións aos viticultores por unha infracción grave da Lei 24/2003 da Viña e o Viño. A multa económica vai neste caso dende os 2001 euros ata os 30.000.

No caso deste viticultor, a sanción foi por sobrepasarse na campaña 2014/2015 nuns 100 kilos de uva de Palomino. A produción máxima autorizada para esta parcela no Consello Regulador da DO Valdeorras era de 1.334 kilos e o viticultor entregou 1.580 kg, que unha vez aplicada a marxe de erro do 5%, dan arredor de 100 kilos de exceso.

“Unha situación inxusta para os pequenos viticultores”

Para Ángeles Rodríguez, portavoz do Sindicato Labrego Galego en Valdeorras, “o descontento entre os viticultores é grande porque non é normal que por pasarse 100 quilos lles chegue unha sanción de 2.000 euros”.

Lembra que “esa uva de Palomino pagouse a uns 30 céntimos, polo que valían 30 euros, pero a sanción é de 2.000 euros”. “Non se ten en contra o prezo da uva nin a cantidade entregada: é unha situación inxusta e causa un gran dano ao pequeno viticultor”, denuncia.

“Nesta vendima quedou uva nas viñas sen recoller por medo a sancións”

A portavoz do SLG en Valdeorras asegura que as cartas de sanción recibidas ao comezo da vendima deste ano estenderon o medo no sector “e moitos viticultores tiveron que deixar uva nas viñas por temor a pasarse uns quilos do tope”.

Ademais, Ángeles Rodríguez advirte de que isto ralentizou e encareceu a vendima, “xa que a xente foi vendimando e levando a uva aos poucos ás cooperativas para non excederse nos topes, pero isto supuxo un maior gasto de tempo e de transporte”.

Os avogados das cooperativas pídenlle á Xunta de Galicia que as infraccións se queden como leves e están á espera da resposta de Medio Rural ás alegacións que presentaron.

2 ideas sobre “175 viticultores de Valdeorras multados con ata 2.001 euros por entregar máis uva da declarada

  1. Antía

    E digo eu…. O veedor ¿que andaba a facer? ¿rascando a barriga? por non dicir outra cousa, ¿ou é que nesta denominacion non teñen veedores?

    Contestar
  2. Antia

    e digo eu …..¿e os veedores que andaban a facer? rascando a barriga ¿ou é que esta denominación non contrata veedores?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información