O labirinto lácteo ten saída no supermercado

Para que suba o prezo en orixe do leite no campo, industrias e gandeiros defenden que é precisa unha mellora das marxes comerciais que as cadeas de supermercados lles deixan ás empresas transformadoras

O labirinto lácteo ten saída no supermercado

O sector lácteo ten este martes unha reunión que se presume clave.

A reunión prevista para este martes á tarde no Ministerio de Agricultura entre gandeiros, industrias lácteas e cadeas de distribución presenta unha incógnita clara por despexar. Saber se a distribución está disposta a chegar a algún compromiso que repercuta na mellora do que cobran as granxas polo leite. Gandeiros e industrias entenden que o estrangulamento de prezos se rexistra no último eslabón da cadea, dominado por media ducia de grupos da gran distribución que marcan as condicións de compra.

Se as cadeas de supermercados mercan o leite a menos de 40 céntimos, como está a suceder, pouca marxe lle queda á industria para mellorar os prezos no campo, razonan estos días as organizacións agrarias. De feito, hai industrias que mesmo están a ter dificultades para pagarlle ó día ós gandeiros. Desde Unións Agrarias calculan que arredor de 300 produtores galegos están a acumular impagos de 3-4 meses, polo que a organización non dubida en pedir unha liña de crédito para que as industrias con problemas poidan afrontar os pagos.

Marxes entre distribución e industria
Para o sector, a saída á crise láctea céntrase en cambiar as marxes entre industrias e distribución, que pecan de falta de transparencia. Os observatorios de prezos dos alimentos adoitan comparar prezo en orixe e prezo en destino (ó consumidor), pero en moitos produtos coma o leite descoñécense as marxes intermedias. O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que hoxe ofreceu unha rolda de prensa sobre a crise, instou ó Ministerio a implementar un sistema que permita coñecer as marxes que hai no leite entre distribución e industria.

A idea da organización pasa por implementar un sistema similar ó impulsado estes días en Portugal, onde se vén de crear a Plataforma para o Acompañamento das Relacións na Cadea Alimentaria. O decreto de creación da Plataforma portuguesa recoñece que na cadea alimentaria se rexistra unha situación de “disparidade do poder de negociación e de desequilibrios económicos nas relacións entre os intervintes na cadea, que poden conducir a prácticas comerciais desleais”.

Portugal vén de implementar un sistema para coñecer as marxes entre distribución, industria e gandeiros e agricultores

En concreto, sinálase que “o descoñecemento sobre a distribución da marxe de valor entre a produción, a industria e a distribución (…) non ten permitido o coñecemento exhaustivo do mercado, o que tamén ten dificultado a súa xestión técnica e política. É así necesario obter esa información co obxectivo estratéxico de garantir a transparencia nas relacións ó longo da cadea de abastecemento”.

Acordo francés
En calquera caso, a curto prazo, cooperativas e organizacións agrarias entenden que a solución pasa por un acordo coma o francés, que consistiu nunha suba de 4 céntimos dos prezos nos supermercados coa idea de trasladar subas paralelas nos pagos da distribución á industria e nos da industria ó gandeiro.

En España, os responsables políticos do Ministerio e as propias organizacións agrarias recoñecen tras as reunións das últimas semanas que quizais nin sequera fose precisa unha suba dos prezos no supermercado: “Polas marxes que manexa a distribución, podería ser posible un incremento dos pagos ás industrias lácteas (e destas ós gandeiros) sen que houbese repercusión sobre os consumidores”, sinalan fontes do Ministerio e das organizacións agrarias.

Así as cousas, o sector preséntase con certo optimismo na reunión deste martes, logo de que o propio presidente do Goberno, Mariano Rajoy, asegurase nunha recente visita a Ordes que había que estudar a posibilidade dun acordo en España similar ó francés.

De non haber avances, as cooperativas e organizacións agrarias que conforman a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo (Sindicato Labrego, Asaja Galicia, Unións Agrarias, Fruga, Organización de Productores de Leche, etc.) xa anunciaron un endurecemento das mobilizacións. Para esta semana están previstas tractoradas comarcais en Vilalba (xoves) e en Ordes (venres).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información