Medio Rural comprométese a controlar ós intermediarios que baixan o prezo do leite

A Consellería e as organizacións agrarias crean un grupo de traballo para abordar problemas concretos das explotacións. O sector manifesta o temor a unha “deslocalización da produción” a outras comunidades máis próximas ós grandes centros de consumo

Medio Rural comprométese a controlar ós intermediarios que baixan o prezo do leite

A conselleira, Rosa Quintana (dereita), e directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, reuníronse con Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaja Galicia

Unha reunión conxunta mantida entre a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, e as organizacións agrarias serviu para abordar un dos problemas que máis preocupan ó sector lácteo no prazo inmediato, como é a situación duns 1.000-1.500 gandeiros que están vendendo ó leite a prezos no entorno dos 20 céntimos, moi por baixo dos pagos de 27-28 céntimos que predominan no mercado. A conselleira comprometeuse na reunión a poñer coto a ese problema, para o que se creou un grupo de traballo entre Consellería e organizacións agrarias.

Tras o encontro, a titular de Medio Rural destacou o acordo entre a Administración e Sindicato Labrego, Unións Agrarias e Asaja Galicia para traballar na mesma liña: “Temos vontade de traballar xuntos, Consellería e organizacións agrarias, para abordar o seguemento dun grupo de primeiros compradores (intermediarios) que está distorsionando o comportamento xeral da produción láctea en Galicia”, sinalou Quintana.

“Imos traballar conxuntamente para abordar a situación dun grupo de primeiros compradores que está a distorsionar o mercado” (Rosa Quintana)

Sobre a mesa, segundo trascendeu tras o encontro, quedaron os nomes de oito primeiros compradores e industrias que o sector considera que están a pagar prezos moi por baixo dos de mercado, no entorno dos 17-22 céntimos, con casos aínda máis complicados. Entre as industrias e primeiros compradores sinalados figuran Leitigal, Hermanos López, Iparlat, Logística Alimentaria, Lácteos Ortegal, Lácteos Riotorto, Lácteos Rey e Reny Picot, esta última por cisternas puntuais que está recollendo a 18 céntimos nalgunhas cooperativas.

As organizacións agrarias amosáronse satisfeitas da folla de ruta trazada na reunión. “En Galicia temos arredor dun 20% dos gandeiros que están nunha situación de alarma total, que non poden esperar un mes máis sen solucións, polo que todos estamos de acordo en que ten que haber unha actuación contundente”, declarou o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

“En Galicia temos un 20% de gandeiros nunha situación complicada. Todos estamos de acordo en actuar con contundencia” (Roberto García, Unións Agrarias)

O sector fala de casos extremos, coma un gandeiro que entregou 30.000 litros un mes e recibiu 600 euros, ou outro ó que ó final do mes lle presentaron unha liquidación que lle daba a pagar. “A sensación no campo é de que agora mesmo hai unha impunidade total”, lamentan no sector. Todos estes casos poranse sobre a mesa do grupo de traballo que veñen de crear Consellería, Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaja Galicia.

Competencia desleal
As organizacións agrarias advirten ademais de que esta situación non só é dramática para os gandeiros, senón un problema para as industrias que están pagando prezos normais de mercado, no entorno dos 28 céntimos. “Hai quen compra leite a prezo de leite en po (por baixo dos 20 céntimos) e logo ese leite remata envasado en brik, o que supón unha competencia desleal para o resto de industrias. Esa é a situación do leite La Vaquera que se vende a baixos prezos en Familia –concretou Roberto García-, unha situación que xa denunciamos ante o Ministerio”.

Deslocalización
Outro dos focos da reunión estivo nos problemas que se están rexistrando na recollida do leite en Galicia, con casos de cooperativas que se viron en problemas para atopar comprador. As organizacións agrarias manifestan o temor a que se estea a iniciar unha deslocalización da produción do leite, xa que, din, noutras comunidades como Castela e León ou Andalucía as industrias están fomentando o aumento da produción. “Noutros sitios non hai estas cortapisas, así que temémonos que detrás disto se estea escondendo unha deslocalización da produción”, valora o coordinador de Gandaría do Sindicato Labrego, Xabier Gómez Santiso.

“Noutras comunidades non hai cortapisas á produción. Temémonos que haxa un intento de deslocalización” (Xabier Gómez, Sindicato Labrego)

No mesmo sentido se pronunciaron as outras organizacións. “Hai problemas cos volumes de entregas de leite nas explotacións. Nalgúns casos non está garantido que se vaia recoller o mesmo volume que na última campaña”, advirte Francisco Bello, de Asaja Galicia.

A conselleira, pola súa banda, afirmou tamén a vontade da Consellería para que Galicia siga tendo “o sector lácteo máis importante de España” e subliñou que a Administración traballará para “darlle estabilidade” ó sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información